DEPORTE ACOLLE UN CICLO DE CONFERENCIAS SOBRE ACTIVIDADE FÍSICA E XÉNERO
A Coruña, abril de 2013.-
A Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña acollerá a partir da próxima semana o IV Ciclo de Conferencias de Xénero, Actividade Física e Deporte. A primeira sesión celebrarase o luns, 8 de abril, ás 10:30 horas, cunha conferencia de Roi Morales Caneiro e Marta Bobo, na que presentarán o proxecto resultante do Traballo de Fin de Grao do curso 2011/2012, titulado “Proxecto de intervención en secundaria a partir da guía PAFIC para a promoción da actividade física nas adolescentes”. Na xornada do martes, 9 de abril, tamén ás 10:30 horas, intervirá Rodrigo Vázquez Pardal, do Club Ximnasia Arousa, que falará sobre o tema “Un home nun deporte feminino. Experiencia e dificultades”.
As charlas reanudaranse na seguinte semana, cunha conferencia o mércores, 17 de abril, ás 9:30 horas, a cargo de María Castillo Obeso e José Palacios Aguilar, da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, titulada “O socorrismo dende o punto de vista do xénero: a idoneidade da muller como socorrista”. O ciclo finalizará o luns, 22 de abril, cunha conferencia ás 10:30 horas de Sandra Fernández Carrera, da Fundación Educación, Deporte e Saúde, sobre o tema «Exercicio físico e fibromialxia: resultados nun grupo de mulleres afectadas por fibromialxia».
Fuente: Universidad de La Coruña
Colabora e informa: Isabel Gómez Vázquez (Recursos Humanos)